29/11/13

O escritor Luís Rei Núñez visitou o noso centro

A mañá do pasado 28 de novembro visitou o noso centro o escritor e xornalista Luís Rei Núñez (A Coruña, 1958), un dos autores máis importantes da narrativa galega dos últimos lustros.

Por espazo dunha hora, Rei Núñez impartiu unha conferencia ao alumnado de 3º e 4º da ESO con motivo da recente aparición do seu libro de relatos Días que non foron, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Esta obra foi obxecto de lectura por parte do alumnado, que tivo así a oportunidade de coñecer por voz do propio autor moitas das claves que explican o particular territorio narrativo que nela se desenvolve. 

Mais Rei Núñez falou tamén do oficio da escrita, da importancia que a literatura ten na vida dos seres humanos e, particularmente, de como esta pode axudar aos que están a se formar a contemplar a realidade e vela con ollada renovada.

Tras a súa intervención, as alumnas e alumnos estiveron a dialogar co escritor, que respondeu diversas preguntas tanto sobre pormenores relativos á elaboración de Días que non foron coma outras cuestións referidas ás súas preferencias autoriais, os proxectos nos que anda embarcado e mesmo os consellos que este quixo dar a aquelas e aqueles que se inician na escrita.

Unha xornada agradabilísima que sen dúbida deixou un moi bo sabor de boca a todos os asistentes, entre os que se contaba tamén diverso profesorado do centro, amais do compañeiro Armando Requeixo, que oficiou como presentador do acto.

O noso centro quere dar as grazas a Luís Rei Núñez pola xentileza de nos visitar e dedicarnos o seu tempo e saber, ao tempo que lle desexamos moitos éxitos tanto co seu Días que non foron (do que podedes ler o primeiro dos relatos aq) coma coas futuras obras que anda xa a ultimar.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...