O outono veu cargado de propostas lectoras estupendas que queremos compartir convosco. Chegaron á nosa biblioteca libros moi amenos e entretidos, pensados para todas as idades, con historias e personaxes do máis atractivos e que estamos seguros de que vos han gustar moito se lles dades unha oportunidade e vos achegades a coñecelos.

Tamén para est@s lector@s máis noviñ@s é moi recomendable A nena á que non deixaban ser feliz, publicado por A Porta Verde do Sétimo Andar, unha historia dunha nena que, malia todas as dificultades que ten que padecer, non perde a ilusión por vivir e as ganas de ser feliz.
Xa para @s rapaces de primeiros cursos de Primaria chegaron á nosa biblioteca libros como O gato fantasma, un relato de Xelís de Toro publicado por Edicións Xerais co que pasalo ben seguindo as peripecias duns nenos investigadores e un peculiar gato que lles dará moitas sorpresas. Unha obra coa que aprender sobre a vida e as súas circunstancias dun xeito moi agradable.

O lectorado de últimos cursos de Primaria e primeiros da ESO poderá gozar con O mundo secreto de Basilius Hoffman, unha novela de Fernando M. Cimadevila ilustrada por Iván Valladares que publicou Urco Editora na súa colección Alcaián. Un mundo cheo de fantasía, mitos, lendas e sucesos extraordinarios. Unha aventura para salvar a Terra, a visita a universos paralelos, viaxes de descuberta a antigas civilizacións para coñecer os seus costumes e ritos, tamén os seus poderes ocultos, seres malignos que os protagonistas deberán vencer... ¡Acción trepidante asegurada!
A calidade do grande Agustín Fernández Paz volve confirmarse en Fantasmas de luz, tamén editado por Xerais, libro que anda xa polos nosos andeis. Unha historia sobre seres extraordinarios en todos os sentidos, inzada de sentimentos e reflexións sobre o amor, a solidariedade, a esperanza etc., pero que non deixa de gardar unha forte intriga para que o lectorado mozo goce descubrindo o misterio que estas páxinas agochan nunha escrita gurgullante que ten moito de cinematográfico.
Por último, para os máis maiores da ESO temos diferentes propostas, como Endogamia 0.2, un libro de relatos de Ramón Caride Ogando aparecido en Xerais no que se tratan diversos temas moi de actualidade, como a explotación infantil, a sensibilidade ecolóxica e outros, iso si, contado todo de xeito ameno e con historias entretidas e fermosamente narradas.

Convidamos ao profesorado dos distintos niveis a que se anime el e anime tamén o seu alumnado a visitar a biblioteca e coñecer estas novidades bibliográficas.
Estas son tan só algunhas das adquisicións que se fixeron nos últimos tempos, pero hai moitos outros títulos, non menos interesantes, que paga a pena descubrir. O outono das letras vén cargadiño de castañas, de cabazas e... ¡tamén boas lecturas! ¡Esperámosvos pola nosa biblioteca!
Ningún comentario:
Publicar un comentario