23/04/12

MANIFESTO "PARA UN AMBIENTE DE LECTURA NA ESCOLA"


Coincidindo co Día do Libro 2012, existe unha iniciativa impulsada por Luis Arizaleta (especialista en lectura  e desenvolvemento de iniciativas culturais), e na que temos a honra de participar, que nos fai reflexionar aos que subscribimos, sobre o que el coñece desde hai máis de vinte anos: o ambiente de lectura na escola, e é ese o  nome do manifesto que lles invito a ler.
Son doce puntos moi breves pero que, de telos realmente presentes, suporía unha verdadeira reformulación da experiencia lectora, persoal e cultural dos nosos rapaces e rapazas. Para iso  dirixímonos a toda a ampla comunidade vencellada coa lectura: escritor@s, mediador@s, contistas, narrador@s, pais e nais, editor@s, profesionais da educación...
Aínda que sempre oímos aquilo de “niso todos estamos de acordo” o certo é que no mundo vinculado ao libro e á lectura hai moita leria e adorno estéril, pero tamén temos que dicir que hai moita xente traballando, no noso país e máis alá del, para que as cousas non sexan así. Sabemos que hai unha corrente forte e consolidada de xente que traballa para que os pequenos, medianos e maiores vivan a lectura con pracer e sabemos que, ademais, conségueno. E non deixa de ser significativo que xunto a todas esas persoas, que irán en aumento, ou non, non tiveran dúbida en estampar a súa su firma xente como Francesco Tonucci, ou escritoras como Rosa Aneiros ou Fina Casalderrey, de entre un grupo de 108 profesionais relacionados coa lectura.


Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...