10/03/14

Lecturas novas


A primavera vai timidamente achegándose e tráenos novas lecturas. Nesta ocasión, pola porta da nosa Biblioteca entraron distintos materiais ben interesantes para traballar cos diferentes niveis de alumnado do centro.

Os máis pequenos teñen xa á súa disposición unha singular baralla para aprenderen ludicamente nos recreos. Trátase da ‘baralla sueva’, as cartas de toda a vida cunha peculiaridade: en vez das imaxes francesas de reis, cabaleiros e valets ás que estamos afeitos, traen debuxados reis da vella Gallaecia, co que as nosas pequenas e pequenos aprenderán a curiosear na nosa Historia divertíndose.

Para os máis maiores (e, sobre todo, para o profesorado dos distintos ciclos e niveis) a Biblioteca conta xa con bibliografía sobre Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, 1914-1990), o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2014. Neste sentido, pode ser de utilidade Vida e obra de Xosé María Díaz Castro (Galaxia) e mais o cartafol con materiais sobre o escritor Xosé Mª Díaz Castro. Nimbos de luz na Insua dos Poetas (Tórculo), coordinado este último por Luís González Tosar.

Finalmente, para todos os públicos temos unha novidade literario-musical, os CoraSons que publicou Kalandraka, un libro-disco no que se recollen temas dunha trintena de cantantes galegos e da lusofonía (Portugal e Brasil principalmente). Así que xa sabedes, polo oído tamén entre a letra.


Animádevos a visitar a Biblioteca e pedide aos seus encargados as novidades. Hai un mundo de palabras (e músicas) agardando por todos vós!


Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...